28 ene 2012

MAGNÍFICA RESPOSTA DO PÚBLICO Á PRESENTACIÓN DA EDITORIAL ELVIRA

O venres 27 de xaneiro presentouse en sociedade a editorial Elvira e o seu primeiro libro "Pon labios en la hierba" nun abarrotado café Detrás do Marco. A resposta do público foi excepcional e os asistentes gozaron dunha noite máxica coa lectura dos poemas de Daisy Villalobos, autora do primeiro libro, acompañada ao piano polo seu irmán.

26 ene 2012

A EDITORIAL ELVIRA NACE CO OBXECTIVO DE FACER UN PRODUTO AUTÉNTICO E DE CALIDADE

  • Mañá 27 de xaneiro (21:00 horas) celebrarase a presentación en sociedade da editorial.

Vigo, 26 de xaneiro de 2012. Hoxe tivo lugar o acto de presentación ante a prensa da editorial Elvira que nace co obxectivo de “facer un produto auténtico e de calidade. Son libros de artista”. Esta editorial comeza a súa andadura co libro “Pon labios en la hierba” da poeta Daisy Villalobos, pertencente á colección Detrás do Marco.

Na rolda de prensa de hoxe estiveron presentes os catro artífices da editorial -Javier Romero (representante de Detrás do Marco), o pintor Nelson Villalobos, o profesor e escritor Enrique Sánchez e o poeta David Pérez-, ademais da autora Daisy Villalobos. A unión dos catro promotores deste proxecto xurdiu case por casualidade, ao coincidir as gañas de todos eles de facer algo diferente, a prol da cultura e na cidade de Vigo. “Foi un encontro case milagroso, no que todos tiñamos a inquietude de editar cousas, de facer algo diferente, e grazas a unificación das nosas forzas, estamos hoxe aquí”, asegurou Nelson Villalobos.

Pero no será unha editorial máis. A Editorial Elvira nace, segundo indicou Javier Romero, co obxectivo de “facer algo diferente, de moita calidade, unha pequena xoia de coleccionista, pero a un prezo asequíbel. Son libros auténticos e, hoxe en día, o auténtico brilla pola súa ausencia”.

Desta forma, este proxecto comeza coa colección “Detrás do Marco”, que  editará tres libros no presente ano e cada un deles terá unha tirada máxima de 300 exemplares. A  editorial non pretende abranguer grandes mercados, senón que busca ese carácter íntimo e exclusivo dos libros de artista. Todos os libros  serán feitos a man con medios serigráficos, asinados polos seus autores (escritor e artista) e autenticados por un notario, dándolle o seu valor de orixinal a cada exemplar, que o converte así nun obxecto de coleccionista. Esta colección poderá ser mercada ao prezo de 60 euros para os subscritores, mentres que cada libro por separado terá un custe de 30 euros. A subscrición pode realizarse na páxina web da editorial (http://editorialelvira.wordpress.com).

Mañá venres 27 de xaneiro (21:00 horas) terá lugar a presentación en sociedade da editorial Elvira e do seu primeiro libro “Pon labios en la hierba” de Daisy Villalobos no café Detrás do Marco, punto de orixe da editorial e “local de referencia para a cultura viguesa”.

25 ene 2012

PRESENTACIÓN DA EDITORIAL ELVIRA

Mañá xoves 26 de xaneiro celebraremos un almorzo de traballo para presentar aos medios de comunicación a editorial Elvira e o seu primeiro libro “Pon labios en la hierba” da colección “Detrás do Marco”.  Esta editorial nace co obxectivo de ofrecer ao lector unha obra completamente artesanal, realizada mediante medios serigráficos, e cada exemplar irá numerado e asinado polo escritor e o artista.


O venres 27 de xaneiro farase a presentación en sociedade deste proxecto.





Día: 26 de xaneiro

Hora: 11 horas

Lugar: Café Detrás do Marco (R./ Londres, s/n).




17 ene 2012

O XOVES 19 VOLVERÁ SILVIA WOMAMI A DETRÁS DO MARCO

Silvia Womami regresa a Detrás do Marco, a súa casa, por primeira vez no ano que acabamos de estrear. A actuación será o xoves 19 de xaneiro, ás 21:00 horas. Tedes unha cita con nós!

ESPECTACULAR ACTUACIÓN DE CLAVE DE FADO NA INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE FRANCESCA


Foi unha noite máxica, cunha actuación espectacular e os cadros de Francesca nas paredes de Detrás do Marco. Parecía unha combinación perfecta. O público asistente gozou coas cancións de Clave de FaDo e a obra de Francesca. Moitas grazas a todos por acompañarnos!

12 ene 2012

MAÑÁ 13 DE XANEIRO, INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN “CATRO NAIS: AUGA, VENTO, LUME, TERRA“ DE FRANCESCA

• No acto, contaremos coa actuación do grupo “Clave de FaDo” (20:30 horas)


A pintora Francesca inaugura mañá 13 de xaneiro (20:30 horas) a exposición “Catro Nais: Auga, Vento, Lume, Terra”, que permanecerá en Detrás do Marco ata o día 12 de febreiro. No acto de inauguración actuará o grupo Clave de FaDo, que logrará emocionar ao público cunha sonoridade moi especial.
Na mostra, Francesca fai un percorrido polo duro traballo da muller galega no século XX, aínda que non faltarán acuarelas sobre temas mariños, unha das especialidades desta creadora galega. Francesca é unha artista autodidacta que comezou traballando en deseños de roupa para muller, facendo talleres de poesía para nenos e na creación de personaxes publicitarios.
A pintora (nacida en Ferrol e viguesa de adopción) goza de forma especial traballando para os nenos e fai ilustracións, poesía e contos (“Son Alérxico”, conto dedicado aos nenos que padecen esa enfermidade, en colaboración co doutor Marcelo Zubizarreta) e deseños para tendas infantís, entre outros traballos. No ano 2009 fixo a exposición de Marinas Navigare Necess Est I na Ramallosa, que tivo a súa continuidade en Gondomar no ano 2011 (Navigare Necess Est II).

No acto de inauguración contaremos coa actuación do grupo Clave de FaDo, composto por Iria Estévez (vocalista), Pepe Piña (guitarra acústica e compositor) e Gonzalo Piña (guitarra española).  Clave de FaDo nace en Galicia no ano 2009 coa intención de crear unha formación musical diferente, que inclúa fundamentalmente, música portuguesa e galega, sendo interpretada cunha sonoridade propia, lograda a través da súa instrumentación pouco habitual para este tipo de música. Nas súas actuacións, fai un percorrido polos distintos tipos de fados e as músicas galegas máis poéticas, combinando así a frescura dos fados máis alegres coa emoción das cancións galegas e fados máis sentidos.



9 ene 2012

O VENRES 13 DE XANEIRO, INAUGURACIÓN DA EXPOSICIÓN DE FRANCESCA

O venres 13 de xaneiro (20:30 horas) inaguramos exposición en Detrás do Marco. Nesta oportunidade poderemos contemplar a obra de Francesca, nunha exposición de acuarelas adicado ao duro traballo da muller galega no século XX.
Ademais, ese día poderemos gozas coa actuación do grupo Clave de Fado.